martes, 22 de febreiro de 2022

23 de febreiro: Día de Rosalía

 



    Dende este ano pasaremos a celebrar o Día de Rosalía o 23 de febreiro. O motivo deste cambio no calendario foi que a investigadora Sagrario Abelleira documentou datos ata o de agora descoñecidos sobre Rosalía que nos indican que a verdadeira data de nacemento da autora é o 23 de febreiro de 1837, e non o 24 como se cría ata o momento.

Ademais, este ano contamos con outra novidade sobre esta conmemoración: é a primeira vez que se inclúe o Día de Rosalía na relación de datas a celebrar polos centros escolares.

Por estes motivos e por outros moitos como que sen Rosalía probablemente non teriamos hoxe en día a conciencia colectiva de termos unha lingua de noso, que foi a primeira muller que ergueu a bandeira da defensa da lingua ou a primeira que escribiu en lingua galega o seu Cantares gallegos, este ano quixemos celebrar o seu día por todo o alto.

Para conmemorar, pois, o Día de Rosalía decidimos facer un gran mural en tea no que bordamos (si, lestes ben) un poema de Rosalía do seu poemario Follas novas e pintamos diferentes elementos do poema representado.

A seguir achegamos certas probas que amosan o proceso colaborativo de elaboración do mural e o resultado final que foi pendurado na entrada exterior do centro e que nos lembrará cada día á nosa autora por excelencia, a que soubo reflectir o que eramos, e somos, como pobo.

Longa vida a Rosalía!








































Ningún comentario:

Publicar un comentario

O noso Samaín

        Para celebrar o Samaín este curso, entre as moitas actividades que levamos a cabo no centro, decidimos elaborar entre todos e todas ...