Dende este ano pasaremos a
celebrar o Día de Rosalía o 23 de febreiro. O motivo deste cambio no calendario
foi que a investigadora Sagrario Abelleira documentou datos ata o de agora
descoñecidos sobre Rosalía que nos indican que a verdadeira data de nacemento
da autora é o 23 de febreiro de 1837, e non o 24 como se cría ata o momento.
Ademais, este ano contamos con
outra novidade sobre esta conmemoración: é a primeira vez que se inclúe o Día
de Rosalía na relación de datas a celebrar polos centros escolares.
Por estes motivos e por outros moitos
como que sen Rosalía probablemente non teriamos hoxe en día a conciencia
colectiva de termos unha lingua de noso, que foi a primeira muller que ergueu a
bandeira da defensa da lingua ou a primeira que escribiu en lingua galega o seu
Cantares gallegos, este ano quixemos celebrar o seu día por todo o alto.
Para conmemorar, pois, o Día de
Rosalía decidimos facer un gran mural en tea no que bordamos (si, lestes ben)
un poema de Rosalía do seu poemario Follas novas e pintamos diferentes
elementos do poema representado.
A seguir achegamos certas probas
que amosan o proceso colaborativo de elaboración do mural e o resultado final
que foi pendurado na entrada exterior do centro e que nos lembrará cada día á
nosa autora por excelencia, a que soubo reflectir o que eramos, e somos, como
pobo.
Longa
vida a Rosalía!