xoves, 25 de novembro de 2021

As Aulas Hospitalarias

 

 




Que é unha Aula Hospitalaria?

As Aulas Hospitalarias son as unidades escolares que xorden dentro dun hospital co obxectivo principal de que os nenos e nenas hospitalizados poidan continuar os seus estudos aínda que estean enfermos. Ademais, a aula hospitalaria tamén é un espazo onde os diferentes nenos e nenas acoden a divertirse, a xogar, a socializar e, en definitiva, a tratar de esquecer a delicada situación persoal na que se atopan.

 

Quen asiste á aula hospitalaria?

Como dixemos, á aula hospitalaria asisten os nenos e nenas que están no hospital por diversos motivos de saúde: operacións, fracturas, enfermidades leves ou graves... A estancia no hospital pode ser:

Longa hospitalización: máis de 30 días.

Media hospitalización: entre 15 e 30 días.

Curta hospitalización: menos de 15 días.

 

Como se senten os nenos e nenas que están no hospital?

Como podedes imaxinar, os nenos e nenas que están hospitalizados non están felices por moitos motivos:

Moitas veces abúrrense porque teñen que pasar moitas horas na habitación do hospital sen poder saír.

Algúns teñen dores ou molestias físicas.

Outros non saben cando van poder voltar para a casa e ver os seus  compañeiros/as de colexio nin ós seus familiares.

Outras veces están desanimados e tristes pola situación que están a vivir.


A Aula hospitalaria do Complexo Hospitalario de Ourense

O Hospital de Ourense conta cunha Aula Hospitalaria que atende a nenos e nenas de todas as idades que teñen que quedar ingresados no hospital durante un tempo, ben sexa curto ou longo. A mestra que está este curso na Aula Hospitalaria de Ourense chámase Vanesa.

Ao igual que no noso colexio, estes nenos e nenas, ademais de estudar, levan a cabo numerosas actividades divertidas como a celebración das distintas conmemoracións (Samaín, Nadal, Entroido, Día do Libro…). Outras veces, acoden ao hospital distintas persoas co fin de amenizarlles un pouco a súa estadía alí: pallasos, músicos, cantantes, contacontos, etc.

                                

Para reflexionar…

Como cres que te sentirías ti se tiveses que quedar ingresado no hospital?

Con que tipo de persoas che gustaría atoparte alí? Que actividades che gustaría facer?

Como cres que se sinten os nenos e nenas que están no hospital?


luns, 8 de novembro de 2021

A orixe do magosto

 



Seguro que nestes días de novembro vos lembrades do magosto, unha celebración que con anterioridade á pandemia celebrabamos todos os anos, pero... sabedes cal é a orixe desta nosa festa?

Hai moitos anos habitaban en Europa uns poboadores chamados celtas que xa celebraban o magosto. Estaban situados nos paises que corresponden nos dias de hoxe con Galicia, Francia, Irlanda, Inglaterra e Paises Nórdicos. Crese que o magosto é unha festa de orixe celta que marcaba o paso do verán ao outono; o remate da época na que a vida se fai fóra e comezo da época en que a vida se fai no interior a carón do lume. Ao mesmo tempo, dende un punto de vista relixioso abríase a porta do máis aló onde moraban os mortos para que aquelas persoas que tiñan deixado este mundo se pudiesen comunicar con aquelas que ainda podían falar. 

 Coa chegada do cristianismo estes rituais mudaron e agora celébrase o día de Todos os Santos, e ao día seguinte, o Día de Defuntos. En Ourense, provincia galega onde o magosto ten moita tradición, pasou a celebrarse o 11 de novembro, festividade de San Martiño de Tours, patrón da cidade.

Sabedes en que outros lugares se celebra o magosto?



O magosto non só se celebra en Galicia. Tamén o festexan en diferentes zonas da Península Ibérica e de Europa onde as castañas abondan. En Asturias chámaselle Amagüestu, onde as castañas se acompañan con sidra doce. O Gaztainerre atopámolo no País Vasco, alí as castañas asadas ceábanse acompañadas de caracois ao morokil (masa feita con fariña de millo).

 Fóra da Península Ibérica atopamos a Castanhada en Occitania, que ten lugar entre outubro e novembro para celebrar a chegada do outono. En Portugal teñen o Magusto, onde, coma onda nós, tamén fan brincadeiras, pintan a cara con cinsa e cantan cancións.

A importancia da castaña na nosa dieta



A castaña é un dos alimentos máis antigos da humanidade, pois xa a consumían os homes e mulleres do Paleolítico. Ata chegar a Galicia os romanos, foi o alimento principal dos primeiros poboadores. Ata o século XVI foi o "pan" na sociedade europea que, en épocas de fame, asegurou a supervivencia de moita xente. Coa chegada da pataca e do millo de América foi perdendo protagonismo no noso país.

A castaña é rica en vitaminas, mesmo asada non perde a súa riqueza en vitamina C, ten máis cantidade desta vitamina que a maioría das froitas e verduras. Tamén é rica en potasio, ferro, cobre, iodo, fósforo e calcio. Poden comerse preparadas de moitas maneiras: coma primeiro prato, acompañando a outras comidas, en sobremesas…Na actualidade as castañas galegas expórtanse a moitos países, xa que somos a principal comunidade autónoma exportadora delas.

domingo, 7 de novembro de 2021

Camiñando cara Santiago alimentándonos ben e coa lingua forte!

    Como ben sabedes, o proxecto estrela deste trimestre que impulsamos dende o EDLG é o Camiño de Santiago. Dende o 2 de novembro @s vos@s titores e titoras están a levar conta de como vos alimentades nas merendas e o uso que lle dades á lingua, así que non vos despistedes! O día 15 deste mes movemos peregrinos e veremos quen avanza a primeira etapa (Póvoa de Varzim- Viana de Castelo para as merendas saudables e Póvoa do Varzim-Rates para a lingua).

Por outra banda, debemos dicir que estades a traballar de maneira xenial na decoración dos vosos camiños e que están a quedar uns deseños espectaculares.

   




    



    




A seguir facendo as cousas así de ben porque, non esquezades, se chegades a Santiago de Compostela haberá recompensa!


Cantamos a Rosalía con Truque Matruque

 



O pasado venres 5 de novembro, todos os nenos e nenas do CEIP Antonio Carpintero fixéronlle a súa particular homenaxe a Rosalía cantando algúns cantares dos Cantares Gallegos con Truque Matruque no Auditorio de Arbo.

Había ganas de festa e notouse! Deixamos algunha mostra que dá boa conta do ben que o pasamos cantando en galego.




  





De seguro non esqueceremos esta primeira saída despois da pandemia!

mércores, 3 de novembro de 2021

Benvid@s ao blog Eu fáloa porque si!

Dende o  Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP Antonio Carpintero de Arbo queremos darvos a benvida a este blog sobre a lingua galega  Eu fáloa porque si! 😍

Este recuncho dixital tentará ser un espazo onde todos e todas xuntas poidamos partillar milleiros de experiencias na nosa lingua e, sobre todo, desfrutar desta sen complexos para así preservala e evitar que remate desaparecendo.

Desta maneira, animámosvos a que nos leades, a que comentedes, a que opinedes e a que fagades deste espazo un lugar propio que fala a vosa lingua e a dos vosos devanceiros.

E para comezar... gustaríanos que pescudarades de onde vén o nome do blog, animádesvos? 👀

O noso Samaín

        Para celebrar o Samaín este curso, entre as moitas actividades que levamos a cabo no centro, decidimos elaborar entre todos e todas ...