luns, 8 de novembro de 2021

A orixe do magosto

 



Seguro que nestes días de novembro vos lembrades do magosto, unha celebración que con anterioridade á pandemia celebrabamos todos os anos, pero... sabedes cal é a orixe desta nosa festa?

Hai moitos anos habitaban en Europa uns poboadores chamados celtas que xa celebraban o magosto. Estaban situados nos paises que corresponden nos dias de hoxe con Galicia, Francia, Irlanda, Inglaterra e Paises Nórdicos. Crese que o magosto é unha festa de orixe celta que marcaba o paso do verán ao outono; o remate da época na que a vida se fai fóra e comezo da época en que a vida se fai no interior a carón do lume. Ao mesmo tempo, dende un punto de vista relixioso abríase a porta do máis aló onde moraban os mortos para que aquelas persoas que tiñan deixado este mundo se pudiesen comunicar con aquelas que ainda podían falar. 

 Coa chegada do cristianismo estes rituais mudaron e agora celébrase o día de Todos os Santos, e ao día seguinte, o Día de Defuntos. En Ourense, provincia galega onde o magosto ten moita tradición, pasou a celebrarse o 11 de novembro, festividade de San Martiño de Tours, patrón da cidade.

Sabedes en que outros lugares se celebra o magosto?



O magosto non só se celebra en Galicia. Tamén o festexan en diferentes zonas da Península Ibérica e de Europa onde as castañas abondan. En Asturias chámaselle Amagüestu, onde as castañas se acompañan con sidra doce. O Gaztainerre atopámolo no País Vasco, alí as castañas asadas ceábanse acompañadas de caracois ao morokil (masa feita con fariña de millo).

 Fóra da Península Ibérica atopamos a Castanhada en Occitania, que ten lugar entre outubro e novembro para celebrar a chegada do outono. En Portugal teñen o Magusto, onde, coma onda nós, tamén fan brincadeiras, pintan a cara con cinsa e cantan cancións.

A importancia da castaña na nosa dieta



A castaña é un dos alimentos máis antigos da humanidade, pois xa a consumían os homes e mulleres do Paleolítico. Ata chegar a Galicia os romanos, foi o alimento principal dos primeiros poboadores. Ata o século XVI foi o "pan" na sociedade europea que, en épocas de fame, asegurou a supervivencia de moita xente. Coa chegada da pataca e do millo de América foi perdendo protagonismo no noso país.

A castaña é rica en vitaminas, mesmo asada non perde a súa riqueza en vitamina C, ten máis cantidade desta vitamina que a maioría das froitas e verduras. Tamén é rica en potasio, ferro, cobre, iodo, fósforo e calcio. Poden comerse preparadas de moitas maneiras: coma primeiro prato, acompañando a outras comidas, en sobremesas…Na actualidade as castañas galegas expórtanse a moitos países, xa que somos a principal comunidade autónoma exportadora delas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O noso Samaín

        Para celebrar o Samaín este curso, entre as moitas actividades que levamos a cabo no centro, decidimos elaborar entre todos e todas ...